Episode Details
Back to Episodes
De Epicuro ao diagrama proteico: micropolíticas do prato. Gabriela Berti
Published 1 month, 1 week ago
Description
Aula Castelao Filosofía
Gabriela Berti é doutora en Filosofía coa calificación summa cum laude pola Universidade Autónoma de Barcelona, e posúe un mestrado en Teoría e Estética da Arte Contemporánea (UAB- Fundación Joan Miró), investigadora e docente cuxa traxectoria destaca polo seu carácter interdisciplinar, unindo o pensamento clásico co contemporáneo (coa gastronomía e a arte).
No ámbito da investigación, o seu traballo céntrase na filosofía práctica contemporánea, con especial énfase no pensamento de Gilles Deleuze e Félix Guattari. Tamén investigou a filosofía da subxectividade e a micropolítica. Na docencia é profesora en diversas universidades de Europa e América, impartindo conferencias sobre estética, filosofía aplicada e cultura gastronómica.
Escribiu numerosos artigos e capítulos de libros especializados en filosofía. Tamén é autora de: Epicuro. El objetivo supremo de la filosofía es la felicidad (RBA, 2016, traducido ao francés, italiano e portugués); Félix Guattari. Los ecos del pensar: Entre filosofía, arte y clínica (Hakabooks, 2013); Pioneiros del grafitti en España (Univ. Politécnica de Valencia, 2009, Premio á mellor publicación do ano). Tamén traduciu obras ao castelán como: Felix Guattari. De Leros a La Borde. Prácticas analíticas y prácticas sociales (Casus Belli); Jerrold Levinson, Ética y estética: Ensayos en la intersección (La balsa de la Medusa). Ademais dirixe a web de gastronomía: Los Foodistas (elixido coma mellor portal gastronómico por un estudo do Observatorio de Universidade Politécnica de València e a Pompeu Fabra). Escribe en revistas especializadas coma Foodie Culture, Arrels e outras.
Palabras clave: Biopolítica, Deleuze, Gastronomía, MAHA, Micropolítica, Slow Food.
A comunicación propón unha análise crítica da gastronomía coma un diagrama de poder e un espazo de pugna, fundamental para a autonomía humana. Partindo da recente pirámide nutricional enmarcada no movemento "Make America Healthy Again” (AMHA), examínase como a proposta dunha dieta híper-proteica constitúe un aparello de captura que desatende as directrices da OMS, para instaurar unha soberanía baseada no vigor físico e a produtividade molar (Deleuze e Guattari). A proposta central que se sostén é que a relevancia desta análise reside na distinción ontolóxica entre alimentación e gastronomía. Mentres a alimentación se reduce á xestión biolóxica de nutrientes (o corpo coma organismo funcional), a gastronomía (o nomos do estómago), revélase coma un sistema de signos, leis e afectos onde se dirime a produción de subxectividade. Así, o diagrama proteico de MAHA non é un sinxelo consello dietético, senón que obedece a razóns biopolíticas da intensidade. Fronte a esta "estratificación" do prato, rescátase a ética de Epicuro coma unha sabedoría do límite contra a desmesura do consumo, e conéctase co pensamento de Deleuze e Guattari para identificar as liñas de fuga posibles. O prato, entendido coma acontecemento e territorio, convértese no espazo onde a desterritorialización do gusto permite ao individuo recuperar a súa autonomía fronte ás cartografías das máquinas de poder do Estado contemporáneo.