Episode Details
Back to Episodes
Sons de Nós con Cantigas da Terra
Published 4 days, 4 hours ago
Description
Con este espíritu como trastenda, en decembro de 1916, reúnense na Coruña un grupo de intelectuais vencellados ás Irmandades da Fala coa idea de formar un coro galego.
A idea central, defender a arte galega en todas as súas manifestacións: canto, baile, teatro, poesía, pintura… O 28 de decembro de 1916 nace Cántigas da Terra.
Ao redor deste proxecto musical inicial foron agromando moitas outra pezas que agora compoñen o puzle desta asociación, a atención ao teatro, un arquivo de grandísima importancia para a cultura galega e, en especial, para a música patrimonial, a investigación que seguen a practicar e fomentar ou o proxecto das Escolas da Terra nas que ofertan formación musical, teatral e ata investigadora.
Nesta edición de Sons de Nós acompáñanos Luís Bolón, director artístico desta histórica entidade, con quen falamos de pasado pero, sobre todo, de presente e de futuro. Moito respecto diante do que levan facendo durante estes máis de 100 anos de traballo cultural.
Cántigas da Terra debutou ante o público o 12 de xullo de 1917 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa peza A festa do Tabeirón, de Enrique Labarta Pose. Hoxe, máis de 100 anos despois seguen a coidar do noso patrimonio cultural como o primeiro día.