Episode Details
Back to Episodes
O ciclo teatral «Ven o Venres» do concello de Valdoviño despídese cunha función máxica no Faro de Meirás
Published 8 months, 3 weeks ago
Description
O programa municipal de teatro «Ven o Venres», promovido pola Concellería de Cultura que lidera Rosana García, pecha a súa tempada cunha proposta fóra do común. Este venres 13 de xuño, ás 22:00 horas, o teatro sae do escenario habitual da Casa da Cultura para instalarse na contorna simbólica e evocadora do Faro de Meirás, onde se representará a obra Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio.
A peza, escrita, producida e protagonizada por Mariña Lestón, ofrece unha viaxe emocional pola memoria do mar galego, a través de historias reais e cantigas tradicionais interpretadas en directo. A través desta montaxe, lémbrase a quen perdeu a vida na Costa da Morte, pero tamén se visibiliza o papel das mulleres que quedaron: viúvas, fillas, e veciñas que axudaron e resistiron. Un tributo necesario para que estas voces non desaparezan no esquecemento.
Con esta representación, o Concello de Valdoviño pon o punto e final a unha tempada teatral que, mes a mes, encheu de cultura o municipio. «Ven o Venres» celebrouse cada segundo venres de mes cunha programación pensada para público adulto, e incluíu espectáculos como Invisibles de Redrum Teatro, Ragazzo de Barrosanta ou Retrincos de Castelao da compañía Artefeito.
O ciclo despedirase ata outubro, deixando na memoria unha tempada chea de emocións e reflexión.