Episode Details
Back to Episodes
O Festival Jazz de Ría 2025 presenta a súa programación, unha cita imprescindible entre o 15 e o 19 de agosto
Published 8 months, 3 weeks ago
Description
A novena edición do Festival Jazz de Ría presentouse hoxe oficialmente, anunciando unha programación que se desenvolverá entre o 15 e o 19 de agosto, e que volverá converter a costa ártabra nun espazo de referencia para os amantes da música en directo, a experimentación sonora e o patrimonio natural.
O cartel deste 2025 reúne unha coidada selección de propostas musicais que transitan entre o jazz e outros xéneros desde a liberdade creativa. Actuarán artistas como a trompetista catalá Alba Armengou, o quinteto liderado por Diego Alonso co proxecto “Nihil”, e o grupo Sumrrá, que celebra 25 anos de traxectoria cun concerto moi especial cheo de colaboracións.
A eles súmanse as melodías inclasificables de Trilitrate, a forza coral do Coro da Ra, o innovador proxecto con raíces de Xan Campos e Faia Díaz, e os sons cálidos de Copos de Avea. Unha programación diversa que pon o foco nas interseccións entre o jazz e outras linguaxes musicais.
O festival, que destaca pola súa aposta polo patrimonio paisaxístico, tamén inclúe obradoiros, aulas de baile swing e un roteiro especial polos Balcóns do Atlántico guiado por Xurxo Souto, un dos momentos máis agardados polas persoas asistentes.
Organizado con vocación de encontro cultural, o Jazz de Ría reafírmase como unha das citas imprescindibles do verán musical galego.