Episode Details

Back to Episodes
Os mariscadores de Pontedeume reúnense esta tarde coa conselleira do Mar para esixir solucións ao paro biolóxico

Os mariscadores de Pontedeume reúnense esta tarde coa conselleira do Mar para esixir solucións ao paro biolóxico

Published 8 months, 3 weeks ago
Description
Os mariscadores e mariscadoras de Pontedeume manterán esta tarde unha reunión coa conselleira do Mar para abordar a denegación do paro biolóxico por parte da Consellería de Pesca. A medida fora solicitada polo sector debido á importante redución da produción marisqueira nas rías galegas. O pasado venres, o Concello de Pontedeume mantivo unha xuntanza con representantes do colectivo marisqueiro local e da confraría do municipio, co obxectivo de coñecer de primeira man a situación do sector e trasladarlle o seu apoio. O alcalde, Bernardo Fernández Piñeiro, expresou de forma clara o respaldo do Goberno local ás demandas do sector. “Apoiamos totalmente a súa esixencia de que a Consellería habilite fondos para garantir o paro biolóxico, do mesmo xeito que se fixo recentemente coas confrarías da ría de Ferrol”, sinalou. Fernández Piñeiro indicou ademais que os fondos deben ser achegados pola administración autonómica “se, como din, os recursos da Unión Europea xa foron esgotados”. Nese sentido, anunciou o envío dunha carta á conselleira do Mar solicitando que no encontro desta tarde se presente unha proposta concreta que dea resposta ás necesidades dos mariscadores eumeses. Ademais, o rexedor avanzou que proporá ao resto dos grupos municipais unha declaración institucional de apoio ao sector. “Non pode haber mariscadores de primeira e de segunda, moito menos cando a caída da produción na nosa ría é comparable á doutras onde si se están concedendo axudas”, concluíu.
Listen Now

Love PodBriefly?

If you like Podbriefly.com, please consider donating to support the ongoing development.

Support Us