Episode Details
Back to Episodes
Lidia India presenta este sábado en Ferrol Vello o segundo capítulo do seu disco “A galiña, ou toxo e o río”
Published 8 months ago
Description
A cantante e compositora ferrolá Lidia India actúa este sabado ás 21:00 horas no marco das Xornadas Ventos de Bacallau en Ferrol Vello, onde presentará en directo o segundo capítulo do seu traballo discográfico “A galiña, ou toxo e o río”
Tras o lanzamento do primeiro tema, Galiña vella, a artista completa agora o segundo bloque do disco con dúas novas cancións, Toxo e Vale a pena, que serán interpretadas por primeira vez sobre o escenario. Ambas as pezas mergullan con ironía, emoción e mirada poética nas pequenas vertixes cotiás.
Toxo é un retrato divertido e algo salvaxe desa ferocidade matutina que aparece antes do primeiro café. Nela, Lidia descríbese con humor como un toxo: punzante e arisco ao espertar, pero tamén capaz de florecer co tempo. O tema fusiona ritmos de muiñeira con influencias afrobrasileñas, e chega acompañado dun videoclip dirixido por Omar Romero.
Pola súa banda, Vale a pena ofrece unha mirada máis íntima. Con aires de xota e toques de chacarera, é unha oda ao valor de arriscarse, de atreverse a querer, a mollarse aínda que nada estea asegurado. Unha canción que convida a sentir intensamente, porque “ás veces mollarse é a única forma de sentirse viva”.
O proxecto conta con Juan de Dios na produción musical, César Yáñez ao buzuki e Pedro Montilla ao violín, nunha proposta sonora que mestura raíz e vangarda.
Lidia India continúa consolidando unha voz propia dentro da escena galega, cunha proposta artística que enlaza o ancestral co contemporáneo, e onde conviven as sonoridades do mundo coa emoción profunda das súas vivencias persoais.