Episode Details
Back to Episodes
Teima Down e Áurega testean a Ruta Universal do Campus de Ferrol para facer a ciencia accesible a todas as capacidades
Published 8 months ago
Description
A pasada semana, un grupo de persoas usuarias da Asociación Teima Down e nenos e nenas con altas capacidades da Asociación Áurega participaron na primeira proba da “Ruta Universal polo Campus Industrial de Ferrol”, unha iniciativa pioneira que busca achegar a ciencia a toda a sociedade, sen importar as súas capacidades. Esta proposta de divulgación científica pretende garantir a accesibilidade cognitiva, sensorial e física aos espazos máis relevantes da Universidade da Coruña (UDC) en Ferrol.
A ruta, deseñada ao longo do último ano por profesorado, persoal investigador e alumnado do Campus Industrial, baséase nos principios do Deseño Universal (DU). A súa finalidade é ofrecer visitas comprensibles e enriquecedoras ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e á Facultade de Enfermaría e Podoloxía. O proxecto está co-financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e liderado pola profesora Ana Ares da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI).
Durante a xornada de validación, os participantes percorreron distintos laboratorios —como o de Enxeñaría Mecánica, Mecánica de Fluídos, Plásticos e o Canal de Ensaios Hidrodinámicos—, poñendo a proba o material divulgativo elaborado: paneis explicativos, xogos, vídeos con subtítulos e lingua de signos, e folletos adaptados para antes e despois da visita. A sinalización mediante códigos QR con acceso a contidos accesibles foi un dos elementos máis valorados.
A experiencia piloto arrincou no Laboratorio de Plásticos, grazas ao traballo colaborativo entre estudantes da EUDI, investigadores do Grupo de Polímeros e persoas usuarias de Teima Down e ASPANAES. A partir dese modelo, fóronse adaptando outros espazos, sempre co acompañamento e asesoramento de entidades como AXF Ferrolterra, Teima Down Ferrol e ASPANAES.
Desde setembro, a Universidade da Coruña abrirá a ruta ao público xeral, convidando a asociacións e centros educativos de toda Galicia a coñecer de preto a investigación que se realiza no campus ferrolán, a través dun mapa interactivo e visitas guiadas que xa poden ser solicitadas.
Este proxecto converte o Campus Industrial de Ferrol nun referente en inclusión e accesibilidade dentro da divulgación científica universitaria.