Episode Details
Back to Episodes
Redes énchese de cultura, música e tradición este verán da man da Asociación Instrutiva de Caamouco
Published 7 months, 3 weeks ago
Description
Obradoiros, concertos, gastronomía e festas populares protagonizan a intensa programación dos vindeiros fins de semana baixo o lema "Para un pouco!"
A vila de Redes, no Concello de Ares, prepárase para vivir un verán repleto de actividade cultural, social e lúdica grazas á completa programación impulsada pola Asociación Instrutiva de Caamouco, presidida por Dani García. A iniciativa, que leva por lema “Para un pouco!”, propón un calendario de eventos que abrangue desde mediados de xullo ata finais de agosto, con propostas para todas as idades e gustos.
O programa arranca este venres 12 de xullo, cun obradoiro de pintura en pedras ás 11:00h, unha actividade creativa aberta a público de todas as idades (inscricións no 604 00 77 27). O sábado 13 será a quenda da música coa actuación da Banda de Xábrega ás 20:00h, que porá banda sonora ao serán de verán na vila.
O día 16 de xullo, ás 18:00h, desenvolverase a visita guiada "Descubre con nós o Porto de Redes", unha oportunidade para coñecer a historia e os recunchos máis singulares do enclave mariñeiro (inscricións no 676 72 52 01).
Un dos pratos fortes da programación será sen dúbida a celebración das xornadas “Días de Mar”, que terán lugar entre o 26 de xullo e o 2 de agosto. Esta proposta conxunta coa colaboración do Club Marítimo de Redes combinará gastronomía e cultura mariñeira. O venres 26, pola mañá, desenvolverase un showcooking mariñeiro, mentres que pola tarde terá lugar a tradicional mexillonada popular, durante a cal se entregarán os agasallos da regata de embarcacións tradicionais organizada polo club náutico.
Xa o 3 de agosto, a Asociación celebrará unha nova edición da emblemática Festa da Cabria, que chega á súa XIX edición. Desde as 11:00h, a vila vivirá unha intensa xornada festiva con actividades e música, culminando cun concerto do grupo As Pías.
O calendario continúa o 9 de agosto cun obradoiro de cosmética natural (11:00h, inscricións no 626 10 72 31), seguido do obradoiro de máscaras de monstros os días 16 e 17 de agosto, pensado especialmente para os máis pequenos (inscricións no 604 00 77 27).
A programación pecharase a finais de mes co ciclo Lume no Castelo, que ofrecerá dúas propostas destacadas: o 29 de agosto ás 21:00h, o espectáculo de contacontos "Canto mar conto", dirixido ao público infantil; e o 30 de agosto, tamén ás 21:00h, o concerto do grupo Simón García Latin Trío, que despedirá o verán con música e ambiente festivo.
Desde a Asociación Instrutiva de Caamouco salientan o carácter aberto, participativo e familiar da programación, así como a aposta pola posta en valor da identidade cultural e mariñeira da zona. Tal e como sinala o seu presidente, Dani García, “este é un verán para parar un pouco, compartir, gozar e poñer en valor o noso patrimonio común”.
A maior parte das actividades son de acceso libre, se ben as prazas para os obradoiros e visitas guiadas son limitadas e requiren inscrición previa. A programación completa pode consultarse a través das canles habituais da entidade.