Episode Details
Back to Episodes
Ferrol en Común demanda que se paralice a ordenanza de ruidos porque «nin é pacífica nin soluciona ningún problema»
Published 7 months, 3 weeks ago
Description
A edil de Ferrol en Común, Nerea P. Carballeira, compareceu este luns en rolda de prensa para denunciar as múltiples deficiencias da nova ordenanza municipal de ruidos, actualmente en fase de alegacións. Segundo explicou, o texto normativo "non é claro, nin ordeado, nin consensuado" e xerou xa unha forte contestación social, especialmente dende o sector cultural e musical da cidade.
Carballeira cualificou a ordenanza como “xenérica, astrata e difusa”, asegurando que “non recolle a realidade da cidade de Ferrol, nin contempla a súa tradición musical e cultural, moi arraigada nos barrios e locais da cidade”. Subliñou que “non se contou cos colectivos implicados” e criticou que se presentase sen diálogo previo coa veciñanza nin cos axentes culturais.
A representante de Ferrol en Común expresou a necesidade dunha normativa que regule a contaminación acústica pero tamén salvagarde “o dereito ao descanso da veciñanza e o dereito á cultura e ao ocio”. Lamentou, neste sentido, a deriva represiva que, ao seu xuízo, está adoptando o Concello mesmo antes de que a ordenanza entre en vigor: “Estamos vendo como se cortan actividades culturais, festas de fin de curso ou concertos puntuais, como os casos de Artabria, Teima ou a Asociación de Síndrome de Down”.
Carballeira tamén puxo o foco na falta de medios técnicos e humanos para aplicar a normativa: “Hai un único sonómetro que nin se usa, e prométense outros tres que tampouco chegaron”. Criticou que a redacción da ordenanza inclúe conceptos técnicos “indescritibles” e fórmulas complexas que dificultarán a súa interpretación e execución por parte das forzas de seguridade.
Outro dos puntos destacados foi a suposta discriminación entre iniciativas culturais locais e eventos promovidos por empresas privadas: “Non entendemos por que se permiten festivais privados como a Festa da Cerveza ou o Tardeo con música ata altas horas e, en cambio, se persigue aos locais que programan cultura de proximidade”.
Ferrol en Común anunciou que xa solicitou por rexistro dúas medidas inmediatas: a paralización da aprobación inicial da ordenanza e a convocatoria urxente dun proceso de diálogo cos sectores afectados, incluíndo a hostalería, programadores culturais, salas de concertos e músicos. A formación defende tamén a incorporación dun anexo específico para a industria cultural e musical, con procedementos claros e exencións que faciliten a celebración de eventos puntuais ao abeiro da Lei de Espectáculos de Galicia.
En resposta ás queixas dun grupo de veciños que impulsaron a nova normativa, Carballeira afirmou: “Tódalas partes teñen dereitos, non só os 80 veciños que protestan. Non pode paralizarse a cultura dunha cidade de 64.000 habitantes por unhas poucas voces”.
En canto ao recente convenio dos hostaleiros para organizar concertos na rúa, valorouno positivamente, pero pediu que se integren tamén “espazos claros, horarios definidos e regulación consensuada”. Pechou a intervención insistindo na importancia de facer de Ferrol “unha cidade aberta, plural e cultural”, onde “a cultura se defenda como unha necesidade primaria”.