Episode Details
Back to Episodes
Programa especial de RadioVoz Ferrol pola Xornada de Benvida "Ola UDC" ao curso 2025/26 no Campus Industrial de Ferrol
Published 5 months, 2 weeks ago
Description
Este xoves 18 de setembro Radiovoz emitiu un programa especial desde o Campus Industrial de Ferrol con motivo da Xornada de Benvida “Ola UDC”. A iniciativa serviu para dar a benvida ao novo alumnado e presentar a oferta académica e os servizos dispoñibles no curso 2025/26.
No programa interviñeron Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, e Marcos Míguez, director do Campus Industrial da Universidade da Coruña.
O bloque dedicado ao alumnado contou coa participación de Alba Barallobre Naveiras (grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, EPEF), Naomi Arias Gulisano (grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, EUDI), Xiana Ruíz Martínez (grao en Relacións Internacionais, Facultade de Humanidades e Documentación), Mario Pascual Gallego (grao en Enfermaría, Facultade de Enfermaría e Podoloxía) e Abraham Vázquez Roma (grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, Facultade de Ciencias do Traballo).
No bloque dedicado aos servizos participaron Vanessa Míguez Martín, técnica da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da UDC no Campus Industrial de Ferrol; María José Abad López, subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC; Bruno Casal Rodríguez, adxunto de Mobilidade e Convenios da Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización; e Valentín Escudero Carranza, director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) e responsable do Programa Afrontemos.
O programa tamén incluíu un bloque específico sobre a metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo (ApS), con achegas de Joaquín Enríquez Díaz (profesor na Facultade de Humanidades e Documentación e na Facultade de Ciencias do Traballo), Elisa María Fraga Galgo (alumna do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns), Raquel Veiga Seijo (profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía) e Laura Sueiro Méndez (graduada en Podoloxía e vicepresidenta da Asociación Galega de Estudantes de Podoloxía da UDC).
Aquí podes volver escoitar a emisión íntegra deste programa especial de Radiovoz desde o Campus Industrial de Ferrol.
Durante a emisión abordouse o inicio do curso 2025/26, no que o Campus Industrial de Ferrol supera os 3.000 estudantes entre grao, máster, doutoramento e programas sénior. Máis de 660 estudantes incorporáronse por primeira vez a primeiro curso de grao.
O programa recolleu tamén as novidades na oferta académica de posgrao, como o Máster Universitario en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible —en modalidade presencial e en liña— e o Máster Interuniversitario en Realidade Estendida.
Outro dos eixes da conversa foi a aposta pola responsabilidade social universitaria no Campus de Ferrol, a través de iniciativas como Afrontemos, UDC Saudable, Bandeira Verde - Green Campus, Campus Sen Fume, Espazo Compartido e os programas da Oficina de Cooperación e Voluntariado.
Por último, fixouse atención na metodoloxía de Aprendizaxe e Servizo (ApS), que neste 2025 cumpre dez anos no Campus Industrial de Ferrol, con máis de 260 proxectos realizados e a participación de case 9.000 estudantes.
Aquí podes volver escoitar a emisión íntegra do programa especial de Radiovoz desde o Campus Industrial de Ferrol.