Episode Details
Back to Episodes
Integrantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril anuncian movilizacións en demanda de accions concretas de mellara do Tren
Published 5 months, 1 week ago
Description
Tras a reunión que esta mañá mantiveron os membros do Foro Cidadán polo Ferrocarril coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a organización cidadá valoró o encontro en RadioVoz e anunciaron mobilizacións para reclamar un tren moderno para Ferrolterra.
Pontón destacou a urxencia de mellorar as conexións ferroviarias entre Ferrol, A Coruña e Ribadeo para darlle á comarca “un tren do século XXI”. A líder do BNG pediu axilizar o baipás de Betanzos, electrificar e duplicar a liña á Coruña, así como modernizar e posteriormente transferir a liña que une Ferrol coa Mariña.
A nacionalista criticou a discriminación ferroviaria sufrida pola cidade polas políticas dos gobernos do PP e PSOE en Madrid e a “incapacidade” do Executivo de Alfonso Rueda para garantir un tren de cercanías. Subliñou tamén a necesidade de transferir a Galiza as competencias sobre o ferrocarril interior e crear un ente ferroviario galego que xestione directamente o servizo.
Pontón subliñou que Ferrol non pode seguir sendo a cidade co tren máis lento do Estado, cun servizo deficitario, horarios escasos e frecuencias insuficientes. “Non estamos dispostos a que Ferrol sexa discriminada. A cidade merece un tren, uns horarios e unha infraestrutura do século XXI”, insistiu.
O BNG defende que Ferrol e A Coruña se conciban como unha área conxunta que podería beneficiarse enormemente dun tren de proximidade de calidade. Neste sentido, urxe tamén reactivar e modernizar a liña a Ribadeo.
Pontón reiterou que o BNG seguirá levando estas propostas ao Parlamento galego, ao Congreso e ao Senado, mantendo a presión sobre as administracións para que Ferrol teña finalmente un tren digno e moderno, como lle corresponde.