Episode Details
Back to Episodes
Cáritas Diocesana de Mondoñedo - Ferrol reclama unha vivenda digna para todas as persoas no Día das Persoas sen Fogar
Published 4 months, 2 weeks ago
Description
Cáritas Diocesana de Mondoñedo - Ferrol celebrou esta mañá o acto central da Campaña de Persoas sen Fogar, unha iniciativa anual que busca visibilizar a realidade das persoas que viven sen un teito e reivindicar o dereito a unha vivenda digna, nun contexto marcado pola subida constante dos alugueiros e o aumento da exclusión residencial.
O acto deu comezón ás 12:00 horas coa lectura simultánea do manifesto no Centro Torrente Ballester, en sintonía co resto de Cáritas de España, nun xesto simbólico de unidade e compromiso. No texto, a entidade lembrou que “ninguén debería vivir sen fogar” e reclamou políticas públicas que garantan o acceso real á vivenda e a protección das persoas máis vulnerables.
Como parte da xornada, inaugurouse unha exposición fotográfica con imaxes da fotógrafa Lua Ribeira, voluntaria do programa de persoas sen fogar de Cáritas, que amosa con sensibilidade a dignidade e as historias de vida de quen afrontan situacións de exclusión. Ademais, proxectouse un vídeo con testemuños de participantes do centro de día de inclusión social Gabriel Vázquez Seijas, nos que comparten os seus soños, esperanzas e experiencias.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de outubro no propio Centro Torrente Ballester.
O prezo do alugueiro, un problema crecente
A celebración coincide co Día das Persoas sen Fogar, nun momento no que o acceso á vivenda se converteu nun dos principais factores de exclusión social. Segundo os últimos datos, os alugueiros asinados en 2020 incrementáronse un 37 % nos últimos cinco anos. Un piso de 80 metros cadrados que daquela custaba 856 euros sitúase agora arredor dos 1.144 euros, e estímase que máis de 300.000 familias en España se ven afectadas por esta subida.
Na comarca de Ferrol, a realidade maniféstase cada tarde no albergue Pardo de Atín, en Caranza, que permanece cheo desde o verán debido ao aumento de usuarios, moitos deles persoas migrantes. A Fundación Santo Hospital de Caridade pediu ás administracións máis apoio ante a falta de prazas e o incremento dos custos de mantemento.
Desde Cáritas Diocesana de Mondoñedo - Ferrol faise un chamamento á cidadanía para acompañar esta campaña, visitar a exposición e difundir o seu mensaxe, lembrando que ter un fogar é un dereito fundamental e un requisito indispensable para vivir con dignidade.