Episode Details
Back to Episodes
Emotiva despedida no CEIP de Pazos a Rosana Rodiles, directora xubilada tras 21 anos de compromiso educativo
Published 1 month, 3 weeks ago
Description
O CEIP de Pazos Mestre García Niebla viviu uns días cheos de emoción coa despedida da súa directora, Rosana Rodiles, que se xubila tras máis de dúas décadas de dedicación ao centro e á educación pública. No último día lectivo, o alumnado e o profesorado sorprendérona cunha calorosa homenaxe con aplausos, pancartas, música e mensaxes de agarimo que puxeron de manifesto o forte vínculo creado ao longo dos anos. “Foi unha despedida preciosísima”, confesou emocionada.
A celebración continuou ao día seguinte, coincidindo co seu aniversario, cunha festa sorpresa na que non faltaron as velas, a música nin os agasallos cargados de simbolismo: unha ilustración do artista Leandro Lamas, unha pandeireta, unha zoca e palabras cheas de emoción de directores e directoras actuais e anteriores, así como de compañeiros e compañeiras doutras etapas profesionais.
Durante a entrevista, Rosana Rodiles lembrou a súa traxectoria marcada por proxectos educativos abertos á comunidade, pola presenza da música no centro e por un espírito participativo que fixo do colexio de Pazos un espazo vivo, familiar e acolledor. Inicia agora unha nova etapa vital, con tempo para a familia, a creatividade, a música e o descanso, deixando en Pazos un legado de compromiso, humanidade e alegría compartida.