Hai aprendizaxes que deixan pegada e, con seguridade, marcan o noso desenvolvemento como persoas, aínda que hai actitudes e aptitudes que xa veñen de serie, porque o baile, a música e o apego ao escenario flúen dun xeito natural nalgunhas persoas. Esta é, sen dúbida, a natureza de Martín Mondragón, a quen a bon seguro coñecedes como Mondra. Martín é un artista integral, cantareiro e bailador, está pisando forte no trad e o seu nome empeza a ser un nos máis recoñecidos na nosa escea musical. Empezar a tocar a pandeireta e participar nas actividades tradicionais do movemento asociativo da súa contorna marcaron os seus intereses dende moi pronto e xa con aqueles 8 anos nos que empezou a tocar a pandeireta a escena chamaba por el. Un proxecto artístico de éxito, porque con 24 anos Mondra está estreando o seu segundo traballo discográfico, “De Ronda” un disco, segundo afirma Martín, “para seducir”. Mondra forma parte, e vangarda, dese abondoso grupo de xente moi nova que está facendo boa música en Galicia, apostando por facela en galego e ademais apostanto por proxectos arriscados e novidosos. Non hai medo á experimentación. Co seu primeiro disco “Ardén” o público e a crítica apoiaron a proposta unanimemente, premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024. “Marimondra” seguiu a estela do éxito cun Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 e “De Ronda” está tamén a darlle moitas alegrías. Cando Martín presenta o seu novo traballo, “De Ronda”, fálanos desa terra dos afectos e a sensualidade que está máis que presente no disco. Un traballo, De Ronda é máis que un disco, que aborda «a sedución, o xogo de seducir ou ser seducido». Certo que o espertar afectivosexual, xa estaba en Ardén o seu primeiro traballo, pero nas 11 pezas que forman De Ronda está máis que presente e agroma, nas propias palabras do artista, en todos eses “estados do corpo” que son esas 11 cancións e abranguen desde o desexo e o impulso sexual ata a ruptura e a aceptación. Mondra coa conexión coa tradición oral galega sempre presente achéganos unha proposta fresca e descarada na que a enerxía e a sensualidade da mocidade mestúrase coa posta en valor do amor propio e o peso da comunidade que compartimos. Como unha cunca de caldo quente que “non lle fai mal a ninguén”.
Published on 5 months, 1 week ago
If you like Podbriefly.com, please consider donating to support the ongoing development.
Donate