Episode Details
Back to Episodes
Sons de Nós con María lópez 27 de xuño de 2025
Published 9 months, 2 weeks ago
Description
Esta muller -que por se a formación musical fose pouca, está a estudar Enxeñería Industrial- ten xa colaborado entre outros nomes propios, con Susana Seivane ou Carlos Núñez.
María pode tamén presumir de premios dende moi nova porque esta artista gañou en 2019 -foi a primeira muller galega en conseguilo e a máis nova, 14 anos- o premio máis prestixioso no mundo da gaita: o Trofeo MacCrimmon do Festival Intercéltico de Lorient.
A pesar da súa curta idade, María ten non só participado en proxectos de recuperación do traballo de mulleres no mundo da música. Eis o caso das súa participación na iniciativa da Asociación de Gaiteiras Galegas, “As que dormen entre o centeo”, un proxecto que puxo en valor a creatividade das mulleres do ámbito da gaita galega, tradicionalmente moi masculinizado.
Ademais María ten creado un espectáculo no que, coa súa zanfona, recupera a figura dunha muller, “Lucía da Conceição Fernándes, a Cega do Covelo”, quen acompañada do seu home percorrían o rural galego cos seus cantos.
Daydreaming, o seu primeiro disco, publicouse en febreiro deste ano e resulta un proxecto ben interesante, porque coloca aos seus instrumentos en tesituras pouco habituais para eles. Un proxecto elaborado con mimo coas pezas que a María lle presta tocar.
Como a costureira do poema de Rosalía que da nome a “As que dormen entre o centeo”, María López tampouco se resigna a que no a deixen sacar o punto, tece cos seus múltiples instrumentos un xeito moi persoal de presentarse no mundo da música, e isto non vai ser o soño dun día nin soñar esperta.