Durante este mes de marzo temos compartido con vós un proxecto singular de achegamento das culturas galega e portuguesa que leva en funcionamento dende o ano 2016. Trátase da iniciativa aRi[t]mar Galiza e Portugal, un proxecto da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, organizado polo equipo de dinamización da língua galega e os Departamentos de Galego e Portugués do Centro que naceu como un proxecto didáctico dentro das aulas. Unha proposta que naceu coa intención de que o alumnado da EOI de Compostela aprendesen galego e portugués coa motivación engadida de traballaren tamén coa música e a poesía, a rima e o ritmo. Gonzalo Constenla, director da Escola de Idiomas de Compostela e do proxecto aRi[t]mar preséntanos esta proposta pedagóxica anovadora. A experiencia, na que ao longo do ano lectivo o profesorado traballaba de forma didáctica os textos e as músicas co alumnado, moi pronto transcendeu o espazo do Centro e é, agora un proxecto compartido con outros centros de ensino, nos que, ademais de galego, se ensine (en) portugués, ou onde a música e/ou a literatura son un elemento central da oferta académica. Por se iso fose pouco, o proxecto medra de tal maneira que é quen de interesar e involucrar a un bon número de entidades de Galiza e Portugal. aRi[t]mar ten ademais un valor engadido na súa propia esencia, fai que as músicas e poesías sexan coñecidas e faino ademais despois dun proceso de votacións populares, non se trata dun xurado profesionalizado, senón de achegas realizadas polo público o que, a ollos dos protagonistas, é moi importante polo que representa. En Sons de Nós estamos moi felices de ter colaborado a espallar a través da radio o voso proxecto.
Published on 1 year, 8 months ago
If you like Podbriefly.com, please consider donating to support the ongoing development.
Donate