Este é o caso da Casa das Crechas un máis que coñecido establecemento compostelán que é catalizadora de moitas propostas musicais e no que o “Trad” é unha cátedra. E na “trastenda” da Casa das Crechas onde xermola a proposta de Ailá, un cuarteto santiagués que veu a luz para poñernos a bailar. Esa vinculación de Ailá coa Casa dás Crechas, ven da man do seu creador, xa que Xan Pampín foi programador no local durante uns anos. Ailá xurde nas xuntanzas espontáneas nas que, despois de rematar as sesións programadas, os alí presentes xuntábanse para seguir a facer música cun repertorio baseado no cancioneiro popular. Ailá é unha proposta festiva e minuciosa, que dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e ao baile tradicional de Galicia. Un repertorio baseado na investigación de numerosos arquivos sonoros dotados de arranxos modernos e enerxéticos. Á fronte da formación está Xan Pampín e o seu acordeón, Ángela Carou pon ao grupo a súa voz e a percusión, Manuele Pardo que ademais da voz, tamén domina a percusión e a gaita, e a recente incorporación da zanfonista ferrolá Manu Fraguela. Queren poñernos a bailar e sentir, e a súa discografía así o demostra, sobre todo o seu último traballo “Sansolimón”, editado o pasado ano, co que teñen sido nomeados en tres categorías para os premios MIN da música independente. E no seu camiño de facernos sentir durante todo o ano teñen feito unha proposta de músicas para o Nadal, afirma Xan Pampín que hai que poder gozar de todas as festas da nosa tradición con música en galego, eis a súa proposta de recuperar pezas que están na nosa tradición de raíz, “Ailá de Nadal” veu para axudar a reconciliarnos coas panxoliñas. Este ano estarán no Festival Internacional de Ortigueira, así que xa sabedes, non perdades a oportunidade de ir botar un baile con eles.
Published on 1 year, 6 months ago
If you like Podbriefly.com, please consider donating to support the ongoing development.
Donate